27 oct 2011

LECTURAS RECOMENDADAS POLO SAMAÍN

O alumnado de 2º da ESO fixo unha escolma de libros de misterio e terror que temos na biblioteca e que presentamos no seguinte glogster. Esperamos que vos guste:

26 oct 2011

EU TEÑO MEDO

Ata a súa conversión ao cristinanismo, o Samaín foi a celebración máis importante do calendario celta. Representaba o ritual da última colleita e o regreso dos rabaños aos cortellos. Os celtas asociaban a noite do Samaín co momento no que o mundo dos mortos se abría ao mundo dos vivos, o que convetía esta celebración no momento idóneo para recordar e render culto aos devanceiros falecidos.

Durante a noite do Samaín, os espíritos volvían camiñar sobre a terra, eran benvidos e preparábanse alimentos para eles. En cambio, as almas malignas debían ser escorrentadas para o que os celtas introducían velas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos e colocábanas nos cruces dos camiños e os castros.

Nestes días, nos que a xente acode aos camposantos e as ánimas nos visitan, aproveitamos para falar dos medos e plasmalos neste vídeo. O pretexto foi o epílogo da novela Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo da que fixemos unha versión libre. A nosa idea era despertar curiosidade pola lectura do xénero de misterio e terror facendo tamén un guiño ao cine desa mesma temática. O resultado podédelo ver a continuación:

23 oct 2011

BOTAN A ANDAR AS MOCHILAS VIAXEIRAS 2011-2012


AS MOCHILAS VIAXEIRAS

"Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura".


Xa están á vosa disposición na biblioteca as mochilas viaxeiras, para que disfrutedes delas vós e as vosas familias. En cada mochila hai unha selección de material para que todos poidades desfrutar da lectura. Tamén hai unha libreta na que tódolos membros da familia poderán facer apuntamentos sobre a actividade, engadir suxerencias, comentarios das lecturas ... O compromiso de todos nós a coidar do material axudará ao bo funcionamento da actividade.


18 oct 2011

PREMIO OUFF ESCOLA 2011 AO MELLOR GUIÓN

O vídeo sobre Lois Pereiro que presentamos ao III Certame de Cinema OUFF Escola que se celebrou onte, 17 de outubro, na cidade de Ourense, alzouse co premio ao mellor guión. O dictamen do xurado foi o seguinte:"Conta cun moi bo guión, orixinal, dinámico e ben documentado, o que demostra que detras dun bo documental precísase un importante traballo de guionización previo. Do mesmo xeito posúe unha coidada realización" Unha representación do alumnado e do profesorado viaxamos ata a "Cidade das Burgas" a recollelo. A mostra deste ano que se enmarcaba dentro da XVI Edición do Festival de Cine Internacional de Ourense pretendía, segundo afirman os organizadores "impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espíritu crítico".
Dende esta bitácora queremos darlle as grazas ao xurado que considerou que a nosa creación era digna de tal galardón e por suposto recoñecer que nos gusta que se premie o traballo laborioso e ben feito.






14 oct 2011

CONGRESO ENCIGA


Ao redor de medio milleiro de profesores de ciencias participarán entre os días 17 e 19 de novembro nun congreso na Fonsagrada no que os docentes presentarán investigacións sobre a materia e intercambiarán información co fin último de mellorar a calidade do ensino nese campo. Ademais, outro dos obxectivos do encontro será achegar o mundo da ciencia á cidadanía.

O simposio, que terá por escenario o noso instituto, está promovido por Enciga, un colectivo que agrupa a docentes de Matemáticas, Bioloxía, Física, Química e Tecnoloxía dos centros educativos galegos non universitarios. Entre os asistentes a este foro figurarán tamén profesores chegados doutras comunidades autónomas e do norte de Portugal.